Brandomil é un auténtico museo ao aire libre, pois a vila está chea de restos romanos que se poden ver dando un paseo: baseamentos, capiteis, fustes de columnas, aras, estelas funerarias… Entre as numerosas pezas atopadas destacan as aras votivas aos deuses Coso e Lares Viales e á deusa Fortuna, así como un frontón funerario único en Galicia (hoxe desaparecido) e unha placa funeraria de granito.
Tamén destaca a ponte de Brandomil, situada na cola do encoro da Fervenza, salvando o paso do río Xallas. Está formada por catro arcos de cantaría e conta con tallamares que forman, augas arriba, apartadoiros triangulares mentres que augas abaixo son trapezoidais.
A carón da Ponte e na marxe dereita do río Xallas está o castro de Brandomil. Pero este non era o único castro que existía nesta zona, posto que augas arriba estaba o castro de Atrás e, na outra banda do río, o de Aquelabanda. Trátase dun castro romanizado de chaira.
Espazo citado no conto “A Compaña” xunto con Vilar do Mato e As Pereiras. O cirurxián das Pereiras sabe por un veciño de Vilar do Mato que o que vira D. Ciprián non era a Santa Compaña senón o traslado do cadáver do Vinculeiro de Sanamedio dende Brandomil ata o cemiterio de San Cremenzo.
CONCELLO DE ZAS
Praza do Campo, 1.
15850. Zas. A Coruña.