O pazo das Edreiras sitúase na parroquia de San Martiño de Meanos. Presenta unha planta lonxitudinal á que se lle acaroa no lado sur a ermida e, no lado norte, os restos de cabaneis, cortes e outras construcións, o que lle confire unha forma de “U”.
Exteriormente, destaca o patín e corredor cuberto disposto cara ao nacente, cunha monumental escaleira de acceso. Tamén posúe na parte posterior, que non teñen que ver coas familias que fundaron e viviron neste pazo, dous escudos cos brasóns dos Mariño, os Castro, os Moscoso e, probablemente, os Ulloa.
A capela, dedicada á Virxe do Rosario e coroada por unha pequena espadana, foi fundada por Felipe Bermúdez de Leis no ano 1738. No seu interior consérvase un pequeno retablo barroco do século XVIII.
No lugar das Edreiras é onde un dos personaxes, D. Ciprián, do conto “A Compaña”, ten unha casa que lle regala, xunto con sete ferrados, a unha viúva a quen lle rompera unha perna.
CONCELLO DE ZAS
Praza do Campo, 1.
15850. Zas. A Coruña.