Enrique Labarta Pose deixou unha fonda pegada tanto na súa vila natal como no resto do territorio galego e español, así como un bo número de anécdotas que coñecemos grazas a súa obra.
“Escuela que lleva el nombre del malogrado y genial poeta gallego “Enrique Labarta Pose”, una de las cuatro construídas hasta ahora con noble altruísmo por la Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, radicada en Buenos Aires” (Vida Gallega, 1932).
O Colexio Nacional de Educación Xeral Básica foi inaugurado o 5 de setembro do 1973. Constaba de 8 seccións, con 10 aulas e capacidade para 240 alumnos. Ademais das instalacións docentes, contaba con cociña, comedores e amplas zonas de recreo. O custo da obra foi de 5 millóns de pesetas. A concentración escolar producíuse o 15 de outubro dese mesmo ano. Despois de barallar distintas opcións, no curso 74-75 decídese poñerlle o nome de Labarta Pose. Nese mesmo ano comeza a funcionar o comedor escolar.
Dúas rúas en Galicia levan o seu nome: a rúa Labarta Pose en Carballo e a rúa Enrique Labarta en Pontevedra, que vai dende a do Marqués de Riestra ata os Xardíns de Vincenti. Dita rúa foi aprobada en sesión do pleno municipal do 31 de maio de 1950.
O 11 de xullo de 1928 celébrase un acto de homenaxe a Enrique Labarta en Baio. A neta do poeta, Manolita Labarta, descobre a placa que dá o nome de Enrique Labarta a unha praza da vila situada en fronte da súa casa. Pronunciaron unhas palabras en honor ao poeta o señor Garrido, Romero Lema e o párroco D. Juan Astray. A este acto tamén asistiu o fillo do escritor, Enrique Labarta Martínez.
O 10 de xuño de 1951 no barrio barcelonés de Gracia ten lugar un acto no que se procedeu á colocación dunha placa conmemorativa en homenaxe a Enrique Labarta Pose na rúa Rubí 25. Autoridades na tribuna, público na rúa e nos balcóns decorados.
No 150 aniversario do nacemento do escritor, o grupo de teatro Badius e a Asociación Cultural Adro foron os encargados da homenaxe en honor a Enrique Labarta. A representación do sainete labartiano “Unha boa misa” e a estrea de tres poemas de Labarta musicados foron algunhas das actividades levadas a cabo neste acto.
Casimiro Barcala, o personaxe principal da obra La Casa de Troya de Pérez Lugín, está inspirado na persoa de Labarta. Así o afirma o propio autor da novela nun artigo publicado en El Correo de Galicia en setembro de 1919. Nel falou da novela e dos personaxes nos que se inspirou, mencionando expresamente a Labarta.
Nun par de ocasións Labarta quixo dar proba da súa facilidade versificadora. Nunha delas invitou a Prudencio Landín a que escribira catorce consoantes forzadas sobre os que escribiría un soneto. Foron as seguintes: crema, cesantía, alegría, emblema, lema, filosofía, aplopegia, extrema, ventura, entresuelo, dulzura, desvelo, abertura e pelo. Labarta, sin empregar máis tempo que o da escritura, creou rapidamente un soneto. Noutra ocasión foi retado a facer un verso aconsonantado coa palabra lápiz. Inmediatamente, escribiu unha redondilla.
Enrique Labarta promocionou e deu a coñecer o fonógrafo, un dos grandes descubrimentos do século XIX. Fíxoo recorrendo varias poboacións de Galicia, León e chegando ata algunha cidade de Portugal.
En agosto de 1899 Labarta foi protagonista dun suceso no que se vería implicado involuntariamente. Nunha viaxe en tren de volta a Pontevedra coincidiu no vagón cun perito que notou que lle faltaba a carteira. Culpou a Labarta gritando desmedidamente “¿dónde está la Guardia Civil? ¡A él y préndanlo!”. Un par de días despois, no Diario de Pontevedra podía lerse unha poesía que tiña por título “¡Yo carterista!” na que Labarta relataba con humor o mal trago que pasara.
Labarta Pose é o prologuista do libro de versos de José Rey González, Frangullas.
No ano 1994 Xosé Manuel Varela Varela fixo lectura da súa tese de licenciatura A poesía galega de Henrique Labarta Pose
Dende 1999 unha comisión que reúne todas as asociacións de Baio está reclamando que se lle dedique o Día das Letras Galegas.
No ano 2017 o Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei na que instaba ao Goberno de España a apoiar a difusión da figura de Enrique Labarta. A iniciativa foi presentada e defendida polo Profesor Ricardo Garcia Mira, veciño de Baio, e membro da Comisión Labarta Pose, que naquel momento ostentaba a condición de deputado pola provincia da Coruña.
Acceso a sesión do Congreso aquí