A casa consistorial de Zas, un dos edificios máis fermosos da súa tipoloxía na Costa da Morte, está situada no campo do Carme. Foi inaugurada o 11 de outubro de 1951, aínda que o proceso de construción durou unha centuria. A súa estrutura puido inspirarse nas Torres do Allo, cun corpo principal formado por unha arcada e flanqueado por dúas torres.
Cerca da casa consistorial atópase a igrexa de Santo André de Zas. No exterior, o elemento máis destacado é a torre campanario, froito dunha remodelación do século XIX na que se construíron a fachada e a sancristía. Porén, o templo data de mediados do século XVI, segundo dita a inscrición do sartego pétreo do seu fundador, Álvaro Núñez de Lamas, señor de Zas e Brandomil. Da fábrica orixinal consérvanse no interior o arco do presbiterio, lixeiramente apuntado, e os arrinques dos nervios dunha bóveda xa desaparecida.
Tamén son salientables a capela do Carme, cun retablo de pedra realizado en 1798 polo escultor Francisco Castro Agudín, e o púlpito, recentemente recuperado.
Os protagonistas do conto “Na romaría da Barca”, o tío Farruco e o seu sobriño Xan de Outeda, atópanse, unha vez chegados á vila de Muxía, na mesma pousada que o alcalde de Zas.





CONCELLO DE ZAS
Praza do Campo, 1.
15850. Zas. A Coruña.