Roteiro Literario de Enrique Labarta Pose

Dende o mes de marzo de 2022, a obra de Enrique Labarta Pose forma parte do “Proxecto Roteiros” impulsado polo Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo dar a coñecer os recursos culturais e paisaxísticos de Galicia a través da vida e obra de escritores. O roteiro literario de Enrique Labarta Pose foi deseñado polo Concello de Zas e céntrase na Costa da Morte. A través del percorremos 21 espazos biográficos e literarios relacionados coa figura do escritor baiés. O itinerario arrinca no Centro Sociocultural de Baio, onde está exposto de forma permanente unha boa parte do  seu legado con obras inéditas. Continúa pola súa casa natal, a igrexa vella de Baio, o monte Castelo e dende aquí parte os municipios de Vimianzo, Camariñas, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Carballo e Muxía. En total son uns 250 quilómetros que se recomendar percorrer en coche en dous días.

O itinerario pode consultarse na páxina web do Consello da Cultura Galega onde están tamén outros 30 roteiros e 16 guías de autores como Castelao, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Antonio Fraguas, Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, entre outros.

O itinerario presentouse nun acto que tivo lugar o 11 de marzo de 2022 no Centro Sociocultural de Baio e ao que asistiron un gran cantidade de veciños e veciñas e de persoas relacionadas coa figua de Enrique Labarta Pose. Durante o acto interviron Manuel Gago, recoñecido xornalista e director do proxecto “Roteiros da Cultura Galega”; Jorge Mira, en calidade de Presidente da Comisión Labarta Pose; Ricardo García Mira presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial “Xoán Vicente Viqueira” e membro da comisión; Rosario Álvarez Blanco, Presidenta do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega; e Manuel Muíño, Alcalde de Zas.

Enlace ao roteiro: http://roteiros.culturagalega.gal/autores/ficha/20