A exposición de Enrique Labarta Pose nos centros educativos

Despois do seu paso polo Paseo Fluvial de Baio, a exposición sobre a figura de Labarta Pose, promovida polo Concello de Zas, comezou a súa viaxe. A primeira parada foron os tres centros educativos do Concello de Zas para que as alumnas e alumnos do CEIP Labarta Pose de Baio, do CPI de Zas e do IES Maximino Romero de Lema coñeceran a un dos persoeiros máis ilustres do noso municipio.

O 8 de febreiro de 2022 a exposición de Labarta saiu por primeira vez do noso concello e viaxou ata o CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña onde estivo exposta durante dez días e que visitaron uns 800 alumnos e alumnas de diferentes niveis académicos. Todos os alumnos e alumnas que visitaron a mostra, guiados polos seus profesores, fixeron un cuestionario específico elaborado por Ricardo Vigeret Gil, docente do IES Maximino Romero de Lema, un autodefinido realizado por Carlos Medrano – xerador de contidos de Aulas Galegas – e recitaron o poema “Non fales o Gallego”. Precisamente neste centro educativo coruñés exerce de mestre o filólogo Xosé Manuel Varela Varela, unha das persoas que mellor coñecen a Labarta despois de realizar a súa tese doutoral sobre o escritor baiés. O material didáctico pódese consultar ao final desta páxina.