CENTRO SOCIOCULTURAL DE BAIO
O centro sociocultural de Baio acolle a exposición permanente sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose. Composta por oito paneis que recorren as vivencias máis sobresaíntes do autor. As súas publicacións literarias, produción periodística, a pegada do autor no territorio, os seus premios e a súa faceta como fotógrafo son os aspectos aos que te acerca a exposición. Tamén forman parte da mesma dúas mesas expositivas con documentación orixinal que o neto de Enrique Labarta entregou a Pepe de Valiña. Súas irmáns Olga e Teresa cederon posteriormente esta documentación ao concello. Entre o material exposto atópanse dende as primeiras edicións dalgúns dos seus libros, colección de revistas dirixidas polo autor baiés, correspondencia, un manuscrito inédito ata o seu testamento.
CASA NATAL DE ENRIQUE LABARTA POSE
A construción da casa natal de Enrique Labarta Pose data dos primeiros anos do século XVIII sendo promovida por Juan Pose de Andrade e Figueroa, descendente dos Condes de Andrade e ascendente da nai do poeta.
A casa, formada por dúas alas que conforman un ángulo recto e brasonada con dous escudos, é un exemplo de vivenda da fidalguía rural.
Atópase ao abeiro dos chamados “carballos da botica”, onde se celebraban antigamente a feira e máis as festas patronais. Coñecidos así por ser onde o pai, farmacéutico de profesión, nunha pedra situada en fronte da casa mazaba as herbas para facer as menciñas. Este espazo serviu de inspiración para a premiada poesía “A festa da patrona de Tabeirón”.
Noutras obras tamén fai referencia a súa vila natal, ademáis da súa familia: “Carta que dende a súa aldea”, “¡Pobre gaiteiro de Baio!”, “Meu Orfiño”, “Soneto a Gumersinda”, “A mi aldea” e en “Amor maternal”.
PRAZA DE ENRIQUE LABARTA POSE
A praza de Enrique Labarta foi inaugurada o once de xullo de 1928 nun acto de homenaxe ao escritor.
En dito acto, Manolita Labarta, neta do poeta, foi a encargada do levantamento da bandeira deixando o descuberto a placa de mármore que daba o nome de Enrique Labarta a unha praza da vila, situada en fronte da súa casa natal. Pronunciaron unhas palabras en honor ao poeta o señor Garrido, Romero Lema e o párroco D. Juan Astray
Enrique Labarta Martínez, fillo do escritor, tamén asistiu ó acto agradecendo tan sentido homenaxe.
En frente da casa de Labarta e o carón da praza sitúase tamén a casa da familia de Outeda, de onde sería un dos persoaxes, o sobriño Xan de Outeda, do conto “Na romaría da Barca”. Trátase dunha casa antiga na que naceu en 1858 Manuel Martínez Pose, mestre de capeta e organista da catedral de Tui.
IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE BAIO
Construción de cachotaría con cantería nos esquinais de estilo barroco datada do segundo terzo do século XVIII. Na portada sobresae a porta principal con dobre orelleira e torna choivas mixtilíneo. Igrexa de planta de salón formada pola capela maior, a nave rectangular e a sancristía. A cuberta do altar maior está composta por unha bóveda de canón reforzada cun arco faixón. A nave central está cuberta cunha cimbra de madeira e atópase separada do presbiterio por un arco de medio punto.
Na nave destaca o púlpito de pedra composto por unha balaustrada de pedra en forma de círculo apoiado sobre unha gran ménsula moldeada.
Nesta igrexa foi bautizado o escritor baiés o 22 de xullo de 1863 cos nomes de Enrique Cándido Esteban, o mesmo día do seu nacemento.
As festas patronais de setembro inspiraron o escritor para escribir o seu premiado poema “A festa da Patrona de Tabeirón”. O motivo do título do poema é debido a que a festa se celebraba no campo onde tiña lugar a feira coñecida como “feira de Tabeirón”.
MONTE CASTELO
O Monte Castelo é un outeiro formado por dúas elevacións: A Corte das Cabras con 338 metros de altitude e o Castelo Pequeno con 335 metros, ambos compartidos coa parroquia do Allo.
Este espazo ofrece unhas magníficas vistas do lugar de Baio, vila natal do autor. O monte está relacionado co Castelo do Allo, considerado como o antecedente das Torres do Allo, un dos primeiros pazos de Galicia.
Ó carón deste monte está situada a casa na que naceu o escritor en Baio.
Este espazo é empregado por Labarta Pose en varias das súas obras, “A compaña”, “¡Que me enterren aló!” e “O libro de San Ciprián”. Neste último é onde ambienta toda a narración.
CONCELLO DE ZAS
Praza do Campo, 1.
15850. Zas. A Coruña.