A finais de xuño sae á rúa “O poeta da terra”; o primeiro libro infantil sobre Enrique Labarta Pose
Onte á tarde presentouse no Auditorio de Baio o novo proxecto literario infantil sobre Enrique Labarta Pose no que se está a traballar e que sairá á luz a finais do vindeiro mes de xuño.
“O poeta da terra” é o título elixido para o libro “co que queremos dar a coñecer a figura e a obra de Enrique Labarta Pose entre o público infantil”, sinalou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, durante a presentación. O rexedor recordou que esta é unha nova actividade posta en marcha polo Concello de Zas para conseguir que a Real Academia Galega lle adique o seu propio día das Letras Galegas. “O vindeiro ano cúmprense 100 anos da súa morte polo que sería unha boa efeméride para que as Letras Galegas do 2025 se lle adiquen a Labarta”, destacou.
Para falar do libro estivo un dos seus autores, Enrique Mauricio, que forma parte do colectivo Polo Correo do Vento. “Poeta da Terra é un título que chega a todos os público, ao igual que Labarta”, sinalou. “Labarta é un poeta da terra, do feminismo, do ecoloxismo,… e cunha gran versatilidade”, destacou Enrique Mauricio quen recalcou a labor que está a facer o Concello de Zas para que Enrique Labarta Pose teña o seu propio día das Letras Galegas que “ben o merece”, incidiu.
O libro, que forma parte da colección de literatura infantil sobre personaxes galegos de Lela Edicións, ten un formato moi vistoso no que se mistura información sobre a súa vida con algúns dos seus poemas máis relevantes. O volume conta coas ilustracións de Tania Solla.