O Concello de Zas recibe o legado de Labarta Pose
Nun acto que tivo lugar nos xardíns das Torres do Allo, o Concello de Zas – representado polo seu Alcalde, Manuel Muíño – e as irmáns Teresa e Olga Rojo Valiña asinaron o convenio de cesión da diversa documentación que conservaban despois de que o seu irmán, “Pepe de Valiña”, herdase o legado do Enrique Labarta Pose. Coa firma deste convenio, o Concello de Zas adquiriu o compromiso de expoñer nun lugar público toda a documentación cedida co fin de difundir a memoria e protexer o legado de Enrique Labarta Pose. A cesión inclúe varios libros orixinais de Labarta Pose, tales como “Última novedad”, “Bálsamo de Fierabrás”, “Adormideras”, entre outros; revistas (Galicia Humorística, Pasatiempos, Galicia Moderna,…); mecanoscritos; diversos documentos tales como un poster de Enrique Labarta Pose incluíndo o seu poema “Libertad”, varias tarxetas postais de Jabier Pintos ao escritor baiés, artigos xornalísticos,…; e manuscritos. Chema Rei Lema, un dos filólogos que forma parte da Comisión Labarta Pose e que se encargou da catalogación do legado; e Jorge Mira, portavoz da Comisión Labarta Pose, tamén estiveron presentes na sinatura do convenio.