Exposición itinerante

Coincidindo co 158 aniversario do seu nacemento, o 24 de xullo de 2021 inaugurouse no Paseo Fluvial de Baio unha exposición ao aire libre sobre a figura de Enrique Labarta Pose coa que o Concello de Zas – promotor da iniciativa coa colaboración da Deputación da Coruña – pretende achegar a súa vida e obra a toda a veciñanza.

Tal e como explicou Jorge Mira, representante da Comisión Labarta, esta mostra súmase á lista de actividades realizadas dende hai máis de vinte anos para reivindicar a concesión do Día das Letras Galegas ó escritor baiés. “Labarta Pose é o gran candidato da Costa da Morte ás Letras Galegas”, sinalou Mira. Foron moitas as actividades que se realizaron ao redor da súa figura impulsadas, na súa maioría, pola Comisión Labarta Pose que está integrada por varias asociacións da vila.

Para Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña, esta é unha reivindicación á que debe de sumarse toda a Costa da Morte por ser Labarta Pose unha das figuras literarias máis relevantes da zona. “Oxalá que algún día se faga xustiza e teña por fin o seu día das Letras Galegas”, sinalou Regueira durante a súa intervención no acto de inauguración. Ademáis, aproveitou a ocasión para darlle os parabéns ao Concello de Zas por tomar a iniciativa de realizar esta mostra con carácter itinerante e tamén felicitou ao movemento asociativo de Baio por non deixar no esquecemento a súa historia.

A mostra está composta por oito paneis con fotografías históricas e con textos explicativos sobre a vida e obra do escritor baiés. Para a súa realización contouse coa colaboración de moitas persoas e institucións relacionadas dalgunha forma con Labarta Pose. Entre elas están:

  • Jorge Lens (autor da tese de doutoramento “Los orígenes de la fotografía publicitaria en Galicia: Análisis de muestras y catalogación documental”
  • Milagros Bara (xornalista no Diario de Pontevedra)
  • Sinda Cundíns (directora do CEIP Labarta Pose de Baio)
  • Marisa Roel (unha das primeiras mestras do CEIP Labarta Pose)
  • Museo Provincial de Pontevedra
  • Biblioteca Provincial de Pontevedra
  • Arquivo Provincial de Pontevedra
  • Galiciana-Biblioteca de Galicia
  • Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra
  • Arzebispado de Santiago de Compostela.
  • Familia Casa Ovidio de Baio
  • Alberto Villar
  • Carlos Castelao (autor de “Los orígenes de la fotografía en Galicia”
  • Jorge Mira Pérez