Enrique Labarta Pose naceu en Baio o 22 de xullo de 1863. Foi bautizado o mesmo día cos nomes de Enrique Cándido Esteban.
Seu pai, Francisco Labarta Raña era boticario e na vila aínda queda o testemuño en forma de toponimia que fai referencia á súa profesión. “Os carballos da botica” é o nome co que se coñece a entrada da casa de Labarta na que se conservan estas centenarias árbores.
LENDA POPULAR
Unha pedra situada na fronte da casa de Labarta era o lugar onde seu pai mazaba as herbas para preparar as medicinas.
Este foi un lugar de referencia durante moitos anos xa que aquí celebrábase antigamente a coñecida “feira de Tabeirón” e cada 8 de setembro festexábase a Patroa de Baio, de aquí o título da premiada poesía “A festa da Patrona de Tabeirón”.
Súa nai, Ramona Pose Pardiñas, descendía dos Condes de Andrade, poderosos señores da Idade Media. Na súa casa natal aínda se poden ver os escudos fundados nos primeiros anos do século XVIII por don Juan Pose de Andrade e Figueroa.
ÁRBORE XENEALÓXICA DE ENRIQUE LABARTA
Labarta estudou bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, rematando no ano 1877. Nese mesmo ano matricúlase na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, seguindo así os pasos dos seus predecesores. Tal e como el indica no seu conto El fabricante de palillos, “seguí esta carrera, por rutina y sin vocación, porque otros amigos míos la seguían. ¿A donde vas, Vicente? ¡A donde va la gente! Y ahora veo, que he equivocado el camino”. A pesar disto, o poeta licénciase no ano 1884 casando nese mesmo ano coa santiaguesa Rosa Elisa Martínez del Río.
No ano 1899 ingresa como Oficial de Facenda en Pontevedra grazas a Eduardo Vincenti, a quen Labarta lle dedica o libro Bálsamo de Fierabrás como agradecemento. No ano 1902 ascende a oficial de cuarta clase da Administración de Contribucións de Pontevedra por intervención de Eduardo Iglesias Aniño, a quen lle dedica o libro Adormideras. Poesías festivas.
Ao longo da súa vida laboral foi ascendendo ata o posto de Xefe de Negociado de terceira clase da Inspección de Facenda da provincia de Barcelona. Viviu en distintas cidades desprazado por causas laborais.
Labarta falece o 13 de maio de 1925 no Hospital Clínico de Barcelona debido as feridas causadas polo descarrilamento dos ferrocarrís de Las Planas, o 9 de abril. A pesar da operación e da leve melloría sufrida uns días antes, o vate non chegou a cumprir os 62 anos.
Uns anos antes, publicaba en El Eco de Galicia de Buenos Aires a composición poética ¡Que me enterren aló!:
Quero morrer na terriña,
na casa que dende eiquí vexo
e-os ollos d’a y-alma erguerse
antre pinos e loureiros,
no valle de Bergantiños
y-o pe do monte Castelo,
e que me leven a coba
n’unha caixa d’ameneiro
– – – – – – – – – – – – – – – – – – – –
¡Ai, por Dios, meus amiguiños,
si por fado do Perello
morro lonxe da terriña
anque sexa por correio
mandádeme a miña aldea.
¡Si eiquí me enterran toleo!
¡Non me acostumo antre mortos
que non falan o gallego!
Toda a prensa catalana e galega fíxose eco da súa morte. Nos artigos publicados recordábase como un dos mellores e máis celebrados poetas humorísticos de Galicia.