Tras as pegadas de Enrique Labarta Pose en Baio
Na recta final da Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema de Baio achegaron ao alumnado a figura de Enrique Labarta Pose. Nesa ocasión, a través dun roteiro literario realizado polos rapaces e as rapazas de 3º ESO, e guiado por Ricardo Vigueret, que foi ofrecendo, ao longo do percorrido, explicacións e comentarios sobre a traxectoria vital e literaria do escritor.
A primeira parada foi o Centro Sociocultural de Baio, onde visitaron a exposición permanente do Labarta Pose e unha alumna, Leticia, leu un dos seus poemas máis coñecidos “Probe gaiteiro de Baio”. Tamén visitaron, no piso superior, a exposición itinerante sobre a súa vida e obra. Aproveitaron a ocasión para ver a documentación sobre Francisco Romero de Lema, tamén escritor baiés e un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos.
O seguinte destino foi o colexio que leva o nome do insigne poeta, fronte ao cal Ricardo lembrou as obras teatrais do autor representadas polo alumnado do centro ao longo dos anos. Nesta ocasión foi Sara a encargada de ler o poema “Non falés o galego”.
O próximo punto foi a Praza Labarta Pose, situada fronte á súa casa natal. Na praza Nuria leu “N´hai mellor vida ca do labrego”, e Henry, á porta da que fora a súa casa natal, “A festa da patrona de Tabeirón”.
No lugar da Igrexa de Santa María de Baio Pequeno e fronte ao cemiterio, no que Sabela leu a composición “Que me enterren aló”, concluíron un percorrido para honrar a figura do autor e poñer en valor a súa vinculación coa terra, coa lingua e coa cultura.