Unha parte da produción literaria de Labarta Pose quedou dispersa nas páxinas das distintas publicacións periódicas coas que colaboraba. A outra está recollida en distintas obras, todas esgotadas e sen contar cunha reedición. O labor de Labarta como escritor non se limitaba só ás terras galegas, senón que a súa colaboración era demandada en publicacións españolas e suramericanas.
Enrique destacou pola súa obra narrativa, poética e teatral, en galego e castelán e chegou ao seu público a través do humor. Coñecido como o chispeante poeta ou o Quevedo galego, destacou pola súa paixón polas letras, o noso idioma e os seus costumes, o seu gran sentido do humor e o cariño que tiña por Galicia. Del escribían que “nadie ha cultivado como Labarta la poesía humorística en Galicia, sin descender jamás a la chavacanería y al eufemismo, pues sus admirables composiciones gallegas y castellanas quedarán como bello modelo de construcción, de elegancia, de ingenio y de genial inspiración” .
Descrito como un poeta chispeante, humorístico, notable, ilustre, popular, festivo, celebrado, distinguido ou laureado, caracterízase polo uso da ironía, a tenrura e delicadeza, o enxeño e a gracia, a fluidez da forma e a transparencia do pensamento.
Con 21 anos Labarta publica o seu primeiro libro. Ultima Novedad. Noventa y nueve céntimos de versos de todas clases y arregladas á todos los gustos é un poemario escrito en castelán que conta cun poema en galego titulado “¡Meu orfiño!”.
En Galicia Católica expresan sobre o autor que “solo quien cuente con grandes alientos puede realizar este hoy casi portento, y, puesto que Don Enrique Labarta lo realizó, los tiene”.
Bálsamo de Fierabrás, unha colección de versos en galego e castelán, publicadas en Santiago en 1889, con un prólogo de Alfredo Brañas. Libro dedicado ao deputado Eduardo Vincenti Reguera por terlle este conseguido un posto na administración pública.
No ano 1892, Labarta recolle nun libro as poesías premiadas no certamen literario celebrado pola Sociedad Económica de Amigos del País de Pontevedra, Un café flamenco en Galicia, Á mi aldea e Sátira de costumbres contemporáneas.
En 1896 publica Millo Miudo, unha colección dos seus versos en galego, dedicado ao seu “querido e rispetable amigo, o enxebre gallego D. Laureano Salgado”.
A Deputación de Pontevedra adquire 25 exemplares ao precio de4 pesetas cada un.
En 1900 sae á luz o libro O carnaval de 1900 en Pontevedra que inclúe unha lixeira reseña sobre as festas do Entroido baixo o título Recuerdos del carnaval de 1900 e o apropósito carnavelesco Pontevedra en 1900. Esta obra, acompañada da música de Isidro Puga, foi estreada no Teatro de Pontevedra na noite do 1 de marzo de 1900.
A Deputación de Pontevedra merca 75 exemplares por 150 pesetas.
Grazas a un artigo de Milagros Bará, publicado no Diario de Pontevedra no ano 2019, sábese que no 1901 se estrea no Teatro Principal de Pontevedra a obra de teatro “El Alcalde de Matalarrana”.
No ano 1902 publica Adormideras, unha recompilación de poemas festivos escritos en castelán, que se anunciaba como un “libro que cura radicalmente el insomnio. Basta leer un par de poesías todas las noches antes de acostarse”. Dedicado a Eduardo Iglesias Añino.
A Deputación de Pontevedra acorda subvencionar esta obra con 200 pesetas coa obriga de que o autor entregue 100 exemplares.
A festa da Patrona de Tabeirón é un longo poema premiado en 1903 nos Xogos Florais do Círculo Católico de Obreros de Pontevedra. Publicado en Caldas de Reis en 1904 está dedicado ao seu afillado Basilio Pintos.
Cuentos humorísticos ve a luz no ano 1905. Unha colección de contos escritos en castelán “llenos de gracia y de novedad que constituyen la mejor receta contra el aburrimiento”.
Foron adquiridos 150 exemplares cun importe de 300 pesetas pola Deputación de Pontevedra.
Poesías en gallego y castellano é unha edición póstuma. O fillo do escritor, Enrique Labarta Martínez envía unha instancia á Deputación solicitando que lle adquiran exemplares desta obra editada de poesías do seu pai, o malogrado poeta galego. A comisión, pola importancia da obra, acorda adquirir 75 exemplares a un precio de 3,50 pesetas cada un.
Outra obra de Labarta foi o sainete Unha boa misa, publicado en 1905 na revista Nova Galicia. É unha das poucas mostras do xénero teatral da literatura galega ata aquela época.