Presentación da «Antoloxía Poética» de Enrique Labarta Pose
O pasado sábado presentouse no Auditorio de Baio a «Antoloxía Poética» de Enrique Labarta Pose nun acto que reuniu unha gran representación social e política de toda a comarca
Con este libro, que recolle 40 dos poemas máis relevantes da súa obra, «Labarta volve as librarías e as bibliotecas»; sinalou Xosé María Rei Lema que xunto con Xosé Manuel Varela Varela se encargaron da súa edición. A obra foi publicada pola Editorial Galaxia grazas a un convenio de colaboración co Concello de Zas
Para Manuel Muíño, Alcalde de Zas, este é un paso máis dos moitos que se levan dados para difundir a vida e obra do polifacético escritor e co se sobe un chanzo para que se lle adique o seu Día das Letras Galegas. Unha loita «que comezou aló polos anos 90», tal e como sinalou Xosé Manuel Varela Varela dende a posta en marcha da Comisión Enrique Labarta Pose. Á presentación do libro tamén acudiu Xesús Domínguez, director de produccións da Editorial Galaxia, que definiu a Labarta como «un avogado que quixo vivir das letras». E entre o público tamén estaba Ángel Labarta, veciño de Noia e familiar do escritor
A «Antoloxía Poética» de Enrique Labarta Pose está dispoñible para préstamo en calquera das Bibliotecas Municipais do Concello de Zas e tamén se pode adquirir nas diferentes librarías da zona