O Concello de Zas presenta “O Poeta da Terra”, o primeiro libro infantil adicado a Enrique Labarta Pose
Esta tarde presentouse no Auditorio de Baio “O Poeta da Terra”; o primeiro libro infantil sobre Enrique Labarta Pose e o cuarto editado polo Concello de Zas. O libro forma parte da colección de literatura infantil sobre personaxes galegos de Lela Edicións.
“O Poeta da Terra” nace co obxectivo de continuar coa difusión da vida e obra de Enrique Labarta Pose que, nesta ocasión, se centra no público máis novo. De aí que sexa un libro moi vistoso acompañado das ilustracións de Tania Solla. “Este libro forma parte dun proxecto no que está implicado toda a Corporación Municipal a través do cal queremos poñer en valor a figura de Enrique Labarta Pose”; sinalou Manuel Muíño, Alcalde de Zas, durante a súa intervención. No acto – presentado por Tania Carreira, técnica do Concello de Zas – tamén interviron os propios autores (Enrique Mauricio e Carlos Taboada) e Jorge Mira, en calidade de Presidente da Comisión Enrique Labarta Pose.
Enrique Mauricio e Carlos Taboada – autores de “O Poeta da Terra” – déronlle os parabéns ao Concello de Zas pola “súa aposta pola cultura” e destacaron a importancia que tivo Enrique Labarta Pose así como as súas pegadas. “Foi unha persoa querida e á que todos nos gustaría coñecer”, sinalaron.
Pola súa banda, Jorge Mira, en calidade de presidente da Comisión Enrique Labarta Pose, destacou a gran cantidade de actividades que se realizan para reivindicar a figura de Labarta. Para Jorge Mira, a publicación deste libro é unha acción de “gran calidade e de gran proxección” xa que se Enrique Labarta Pose consigue o seu propio día das Letras Galegas chegará ás mans de centos de nenos e nenas a través do cal coñecerán o autor e o lugar onde naceu.
Precisamente o Concello de Zas enviará nos vindeiros días dous exemplares de “O Poeta da Terra” a cada centro de ensino da Costa da Morte.
Día das Letras Galegas
“As cousas van acabar ben”, dixo o Alcalde de Zas en referencia a que Labarta teña o seu propio día das Letras Galegas. De feito, por primeira vez, Enrique Labarta foi candidato para o 2024 ainda que finalmente a Real Academia Galego acordou adicarllo ás “Cantareiras e a poesía popular”.
“Zas é terra de cantareiras polo que dende aquí aproveitamos a ocasión para ofrecer a nosa colaboración na organización dos actos que realice a Real Academia Galega ao redor desta figura”, sinalou o Alcalde. Muíño tamén recordou que dende o Concello, xunto coa Comisión e outras persoas que investigan a Labarta, está a traballar nos actos da conmemoración do centerario do seu nacemento, que será o 13 de maio de 2025.