O Concello de Zas leva o contacontos O Poeta da Terra adicado a Labarta Pose aos centros de ensino no Día do Libro

ste mércores, con motivo do Día Internacional do Libro, o Concello de Zas leva un contacontos sobre Enrique Labarta Pose a dous dos centros de ensino do noso municipio co obxectivo de dar a coñecer a figura de Labarta entre o público infantil e de promover o hábito da lectura. Esta é unha actividade que se enmarca na programación especial dos 100 anos do pasamento de Enrique Labarta Pose. 

“O Poeta da Terra” é o título deste espectáculo que nos trae Polo Correo do Vento que está baseado no primeiro libro infantil adicado a Enrique Labarta Pose e que foi editado recentemente polo Concello de Zas xunto con Lela Edicións. A través do conto e da ilustración repasarán unha boa parte da vida e obra de Labarta. 

Haberá dúas funcións. A primeira será as 10:00 horas no CPI de Zas e un pouco máis tarde, as 11:30 horas, no CEIP Labarta Pose de Baio.

“O Poeta da Terra”

Dende que se publicou, no mes de outubro, o Concello de Zas repartiu de forma gratuíta 500 libros de “O Poeta da Terra” entre o alumnado de todo o municipio e as bibliotecas municipais e os centros de educación primaria dos 17 concellos que forman a Costa da Morte.

“O Poeta da Terra” é o primeiro libro infantil na honra de Enrique Labarta Pose e que destaca pola vistosidade das súas ilustracións. A través del, o equipo de goberno do Concello de Zas quere poñer en valor e dar a coñecer a figura deste ilustre veciño e conseguir que a Real Academia Galega lle adique o seu propio Día das Letras Galegas.