Labarta ademais de cultivar a arte da fotografía, foi pioneiro no seu uso nun medio impreso de ámbito galego
Enrique Labarta Pose destacou pola súa afección á fotografía: “hay que reconocerle como el más hábil e ingenioso de los que cultivan el arte fotográfico, al que se dedica desde hace algún tiempo”. Estas palabras podémolas ler no xornal El Combate con motivo dunha foto para a cal Labarta tivera o enxeño de facer un grupo en forma de ferradura cos deputados provinciais.
Tamén se pode ver a súa destreza coa cámara escura no libro El carnaval de 1900 en Pontevedra, “el libro ilustrado con gran número de fotograbados, hechos por el mismo señor Labarta, que, como saben nuestros lectores, es tan buen fotógrafo como buen literato…”
Moitas das fotografías de Labarta foron publicadas nas revistas que dirixía, sobre todo en Galicia Moderna.
Labarta non só cultivou a arte da fotografía, senón que tamén foi pioneiro no seu uso nun medio impreso de ámbito galego. De feito, o seu propio retrato, autoría de Francisco Zagala, que ilustra a portada do primeiro número de Extracto de Literatura, está documentado como a primeira fotografía impresa da historia en Galicia.
Labarta volve usar o seu propio retrato, desta volta, colocado de forma invertida, coa cabeza cara abaixo, para representar o declive da revista. Os versos que o acompañan facían referencia á orientación inusual do retrato e ao que representaba.
“El mérito principal de Extracto de Literatura fue el hecho de haber incorporado por vez primera una imagen fotográfica en una revista ilustrada gallega” Jorge Lens en Los orígenes de la fotografía publicitaria en Galicia: Análisis de muestras y catalogación documental.
En maio de 1897, e trala desaparición de Extracto de Literatura, sae á luz a que se convertería nun referente da revista gráfica nos derradeiros anos do século XIX en Galicia, Galicia Moderna, tamén dirixida por Enrique Labarta.
O uso das fotografías nesta publicación foi un recurso habitual entre as súas páxinas. Galicia Moderna foi unha revista que ía na liña das grandes publicacións nacionais que toma como referencia.
Un acontecemento pioneiro no territorio galego foi o emprego de fotografías nos anuncios publicitarios nesta publicación. Isto provocou unha distinción de prezos entre aqueles anuncios que utilizaban a fotografía e os que non, un novo fito na publicidade galega.
“Para un estudioso de la imagen, Galicia Moderna representa el nacimiento en Galicia de una nueva forma de entender las revistas ilustradas. Esta publicación quincenal editada en Pontevedra fue la primera que concedió a la fotografía una especial relevancia, constituyento un elemento clave y configurador de los contenidos que se mostraban en sus páginas” Jorge Lens
No primeiro número desta revista atópase unha “verdadera curiosidad fotográfica” tal é como escribe o autor, Gerardo Álvarez. Non é outra que unha fotografía do propio Labarta subido nun pedestal dun farol que non chegou a ser colocada.
No número publicado o 15 de abril de 1898, pódese ver outra foto de Labarta, esta vez, enriba dun burro acompañada do seguinte pé de foto:
EL FUTURO PROPIETARIO DE “GALICIA MODERNA”
No confundirse. Es el de la parte de arriba.