Muxía, situada sobre unha pequena península, é unha vila típica mariñeira. Destaca por ser o berce de dous grandes persoeiros: Ramón Caamaño e Gonzalo López Abente. O primeiro, fotógrafo que retratou a xente, a vida e as paisaxes da Costa da Morte. O arquivo de Caamaño, de gran valor histórico, antropolóxico e social, consérvase na súa casa natal. O segundo, escritor que formou parte do Seminario de Estudos Galegos e a quen a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1971. Na vila de Muxía hai dispoñible un roteiro literario para percorrer os espazos empregados polo autor na súa obra.
Nada máis entrar na vila, o primeiro que vemos é a praia da Cruz, espazo que emprega o autor no seu conto “Na romaría da Barca” cando dous dos personaxes chegan á vila.
SANTUARIO DA NOSA SEÑORA DA BARCA
O santuario da Virxe da Barca e as pedras que conforman o conxunto sagrado, situadas a carón do mar, no concello de Muxía, están envoltas nunha lenda relacionada co Apóstolo Santiago. Segundo esta, atopábase o Apóstolo predicando por estas terras pero con escaso éxito, pois as xentes do lugar non lle facían caso. Por tal motivo decide retirarse á costa de Muxía a descansar. Estando aquí, ve como se lle acerca a Virxe nunha barca de pedra para comunicarlle que o seu labor rematara e que xa podía volver á súa terra, Palestina.
A pedra de abalar sería a barca en que chegou a Virxe e a pedra dos cadrís sería a vela. Á primeira atribúenselle propiedades divinatorias mentres que, á segunda, propiedades curativas.
A romaría que aquí se celebra no mes de setembro é a máis soada de toda Galicia e tamén foi empregada por Enrique Labarta como recurso no seu conto “Na romaría da Barca”.
CONCELLO DE ZAS
Praza do Campo, 1.
15850. Zas. A Coruña.