O faro de Cabo Vilán está situado no concello de Camariñas e nunha das zonas máis perigosas da Costa da Morte. Este faro acende a súa luz por primeira vez o 11 de xaneiro de 1896 e converteuse no primeiro faro de luz eléctrica de toda España. Nos seus inicios funcionaba con dúas máquinas de vapor que alimentaban a dous magnetos encargados de xerar a enerxía necesaria para acender a lámpada de arco voltaico. A luz era producida por dous carbonos.
O enclave onde se sitúa foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional en 1933.
Labarta emprega o alcance da luz que emanaba do faro como un recurso no seu conto “Na romería da Barca”:
“…Ibamos nesta conversa, cando veu unha lamarada que alomeou primeiro todo o monte, logo a vila de Muxía, que xa estaba tan preto como a carreiriña dun can, e dimpois o mar.
‒ ¿Que raxo de lus é esta tan grande, que tantas voltas dá? ‒perguntei eu.
‒ Élle o faro de Camariñas, que nas noites escuras de cote lle está andando ao redor, pra que o vexan os barcos que van pola mar.
‒ ¡Carafio! ¡Que cousas enventan os señores! ¡Como non teñen que facer!…”
CONCELLO DE ZAS
Praza do Campo, 1.
15850. Zas. A Coruña.