Alumnado de todo o Concello de Zas participará no acto no día en que se cumplen os 100 anos da morte de Enrique Labarta Pose
O 13 de maio de 1925, Enrique Labarta Pose falecía no Hospital Clínico de Barcelona a causa das feridas sufridas días antes no descarrilamento do ferrocarril de Las Planas. A pesar dunha operación e unha leve melloría, non chegou a cumprir os 62 anos. Ante esta data tan simbólica, o Concello de Zas quere renderlle homanxe a Enrique Labarta Pose cun acto no que uns dos protagonistas serán o alumnado do CPI de Zas, do CEIP Labarta Pose e do IES Maximino Romera Lema.
O acto de conmemoración do centenario da morte de Enrique Labarta Pose terá lugar o vindeiro martes, 13 de maio, a partir das 11:00 horas na Praza Jorge Mira. Durante a xornada descubrirase un monumento conmemorativo, realizarase un acto simbólico do enterramento de Labarta xunto cunha ofrenda floral e recitarase o seu poema “Que me enterren aló”.
Tamén está confirmada a asistencia de membros da Comisión Labarta Pose, que engloba ás asociacións do Concello e distintas personalidades da Costa da Morte; Jorge Mira Pérez; Xosé María Lema; Xosé María Rei; Xosé Ameixeiras e Ricardo García Mira. Tamén está previsto que asistan a este acto Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega; Concha Losada, Presidenta do Museo do Pobo Galego; Manolo González, membro numerario da Real Academia Galega; e María Dolores Sánchez Palomino, membro da Comisión Executiva da RAG.
Este é o acto central deste ano e que está incluído na programación das actividades sobre a figura de Enrique Labarta Pose organizado polo Concello de Zas co que se pretende, por unha parte, darlle difusión á vida e obra do autor e, por outra, conseguir que Labarta teña o seu propio día das Letras Galegas.