O Concello de Zas reparte máis de 220 exemplares do libro O Poeta da Terra entre o alumnado e profesorado do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, achegouse esta mañá ata o CEIP Labarta Pose de Baio e o CPI de Zas para facer a entrega do libro “O Poeta da Terra”, o primeiro exemplar infantil sobre Enrique Labarta Pose editado polo Concello de Zas xunto con Lela Edicións. – O rexedor estivo acompañado da Concelleira de Servizos Sociais, Natalia Espasandín;da Concelleira de Educación, Pilar García; da Concelleira de Igualdade, Cristina Pardiñas; e da Tecnica Municipal, Tania Carreira.

En total entregáronse máis de 220 exemplares que se repartiron entre o alumnado de Educación Primaria dos dous centros de ensino e o profesorado. Tamén se deixaron 3 libros en cada unha das bibliotecas. 

Muíño aproveitou a ocasión para facer un breve repaso polas diferentes accións que se están a realizar dende o Concello de Zas co fin de poñer en valor a obra de Enrique Labarta Pose e de conseguir que teña o seu propio Día das Letras Galegas. 

“O Poeta da Terra” é un libro dirixido ao público infantil no que se recollen dun xeito moi gráfico os fragmentos máis relevantes da súa obra así como parte da súa vida. Ademais forma parte da colección de literatura infantil sobre personaxes galegos de Lela Edicións. 

Centros Educativos da Costa da Morte

A comezos deste mes tamén se enviaron dous exemplares de “O Poeta da Terra” aos 47 centros de Educación Primaria dos dezasete municipios que forman a Costa da Morte.