Pontevedra acolle a presentación da Antoloxía Poética de Enrique Labarta Pose
O salón de actos da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra acolle o vindeiro mércores, día 22, ás 19:00 horas a presentación da “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose, editada por Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela e publicada pola Editorial Galaxia en colaboración co Concello de Zas.
No acto, que está aberto a todas as persoas interesadas, intervirán os propios editores xunto con Milagros Bará Viñas, autora de múltiples artigos sobre Enrique Labarta Pose; e Manuel Muíño Espasandín, Alcalde de Zas.
Enrique Labarta Pose estivo durante moitos anos ligado á cidade de Pontevedra na que deixou unha forte pegada e onde ten unha rúa co seu nome. Alí chegou no ano 1899 onde ingresou como Oficial de Facenda grazas a Eduardo Vicenti, a quen Labarta lle adica o libro de Bálsamo de Fierabrás a modo de agradecemento. Anos despois, tamén por motivos laborais, trasladouse a Barcelona onde faleceu un 13 de maio de 1925 a consecuencia dun accidente de tren.
A “Antoloxía Poética” recolle 40 poemas en lingua galega e o libro, que está na rúa dende o pasado mes de febreiro, forma parte da colección Letras Galegas Clásicos.