O vindeiro martes preséntase no Museo do Pobo Galego a “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose
O Museo do Pobo Galego acolle o vindeiro martes, día 16 de abril, a presentación da “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose editada por Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela e publicada pola Editorial Galaxia en colaboración co Concello de Zas.
Ademais dos propios editores no acto de presentación do libro do vindeiro martes intervirán Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; Jorge Mira Pérez, voceiro da Comisión Letras Galegas para Labarta Pose; Manuel Muíño, alcalde de Zas; e Xesús Domínguez Dono, director de produción da Editorial Galaxia.
O libro – que xa está na rúa dende o pasado mes de febreiro – recolle 40 poemas en lingua galega de Enrique Labarta Pose e forma parte da colección Letras Galegas Clásicos. Ademais de poder consultarse nas Bibliotecas Municipais de Zas e Baio o Concello de Zas enviou dous exemplares a todos os centros de Educación Secundaria da contorna co fin de achegar a obra de Labarta Pose a todos os públicos.